jueves, 18 de diciembre de 2014

Hou hou hou

E xa está aquí o Nadal, hou hou hou, que diría Papá Noel. Sabemos que vos temos un pouco abandoad@s, pero tamén sabemos que nos perdoades. Como mañá é a festa de Nadal, e como máis vale tarde ca nunca, aquí vos deixamos unhas fotiños do noso taller de elaboración de adornos de Nadal con material de refugallo.

Como xa puidestes ver, os adornos están ben fermosos na nosa escola dende o día 9. Moitas grazas a todos e todas por participardes e desfrutar!!

Nestes días darémosvos tamén algunhas ideas de cousiñas que podedes facer cos vosos peques no Nadal pero, xa vos adiantamos algunhas:

-Xogo sensorial co espumillón, as bolas (rodándoas por un plano inclinado, por exemplo), tocando as diferentes texturas, aprendendo a diferencialas por cores ou tamaños...

E, por suposto, ben atentos e atentas ás actividades programadas por diversas entidades, como o festival de monicreques da Fundación María José Jove, ou os campamentos de Nadal que se celebran en toda a cidade.

Ah e xa temos preparada a axenda de actividades e moitas outras cousas para o primeiro trimestre de 2015, así que collede moitos folgos nas vacacións (aqueles que poidades desfrutalas) para vir con ánimos renovados ;)






martes, 18 de noviembre de 2014

Se chove, que chova

Chegou o tempo de se abrigar, de abrir os paraugas, de xogar baixo cuberto, de ler contiños ao quente, de imaxinar e crear... Porque o outono e o inverno non teñen por que seren aburridos nin moito menos. Por iso, agora mesmo, tedes ducias de posibilidades de lecer ofertadas dende distintas entidades, asociacións, etc...

Por exemplo, o ciclo de música animada do MACUF, que se celebra cada dous domingos nas súas instalacións da avenida de Arteixo. Son gratuítos e só tedes que acudir con moitas ganas de escoitar música. Este domingo, ás doce e media, tócalle o turno ao "Coro da rá". Se sodes dos que preferides agocharvos nos centros comerciais, esta semana seica andan por Espacio Coruña os protagonistas da serie Ben e Holly, por se vos queredes achegar. Se preferides o teatro, o día 21, no teatro Colón, podedes coñecer as andanzas do Gato con botas pagando 8 euros. E a fin de semana tedes tamén unha cita coa lírica en teatro do Andamio, sábado e domingo.

Pero todas estas son propostas que se complementan perfectamente coas actividades que vos ofertamos dende o anpa para os nosos superheroes e superheroinas favorit@s e as súas nais e pais.

O xoves, 20 de novembro, temos unha nova cita para tecer e xogar coa lá e de paso parolar un pouquiño e o venres queremos que vos animedes ao noso magosto no que cada familia traerá algo de comer ou de beber. Como xa imaxinaredes, ten que haber un número mínimo de familias para que se realicen estas actividades, polo que vos animamos a que vos unades a nós e vos prometemos o mellor dos nosos sorrisos e un sitio ben quentiño no que acubillarnos e pasalo ben.

sábado, 8 de noviembre de 2014

As caixas máxicas

O xoves o patio da nosa escola transformouse nun lugar especial no que unhas caixas cheas de maxia deixaron escapar pouco a pouco unhas raioliñas de luz en forma de historias. Escalamos para acadar a lúa, estiramos un pequeno bicho moi glotón, escoitamos músicas, vimos como "todos van"... desfrutamos coas historias contadas e vividas por Chus Álvarez.

As súas raioliñas de luz iluminaron as caras d@s nos@s peques e fixéronos aplaudir dende o principio até o fin e mesmo pedir algún "bis", como se dunha estrela do rock se tratara. Quedamos cun sabor de boca ben gostoso e con ganas de seguir escoitando historias e recibindo luz.


Para prepararnos para o Nadal estamos xa pensando en novas actividades, ademais das nosas sesións de tecer coa lá máis fermosa que poidades imaxinar, a da nosa imaxinación e as nosas conversas.

Aquí vos deixamos unha mostra do que pasou no patio do cole esta semana. Podedes ver unha galería máis completa na web da escola.





martes, 4 de noviembre de 2014

Contacontos con Chus Álvarez

Esta semana @s nos@s peques van ter moitas novidades. Hoxe mesmo, a escola facía a presentación oficial da temática sobre a que xirará este curso, polo que seguro que tiveron unha mañá moi movida.

E este xoves, 6 de novembro, estará na nosa escola a contadora Chus Álvarez, co seu espectáculo "Entre caixas", un contacontos que seguro que os fará desfrutar e conseguirá mantel@s ben quietiñ@s nos seus asentos.

De seguro que ides consultando na nosa axenda a oferta cultural para bebés na Coruña pero, como non sempre nos dá tempo a actualizala, ímosvos dando algunhas pinceladas tamén nos posts. Atent@s ao blog das bebetecas porque seguen ofrecendo un amplo programa de bebencontros no Ágora, Os Rosais, Biblioteca Infantil e no Fórum. E este domingo, no Ágora, segue a programación de Bebescena, nesta ocasión co espectáculo "Nidos", ás once e ás doce e media da mañá.

miércoles, 29 de octubre de 2014

Velaí veñen... uuuuuuu

E chegou a festa de Samaín á nosa escola, que xa está fermosísima, cunha decoración completada coas cabazas que fixemos cos nosos peques, algúns na casa, e outros moitos na xuntanza para decorar cabazas do pasado luns. Velaí veñen os mortos vivintes e as pantasmas... uuuuuuu!!

Como xa sabedes que non hai mellor crónica que a visual, aquí vos deixo unhas imaxes para que vos fagades unha idea de como o pasamos e tamén algúns dos resultados das dotes para a maquillaxe de Sarah, unha das nais da escola que "tuneou" a@s nos@s peques e deixon@s guapisísisisim@s!!








 Moitas grazas a tod@s por participardes, sobre todo aos que viñestes de fóra da nosa escola ou volvestes a ela a lembrar vellos tempos.

A seguinte cita témola o xoves, nesta ocasión nunha actividade en horario lectivo, para tod@s @s peques de Arela, as historias de "Entre caixas", de Chus Álvarez!!

miércoles, 15 de octubre de 2014

Xa chega o Samaín

Que non tedes nin idea de como decorar unha cabaza cos vosos peques?
Que non sodes especialmente habelenciosos?
Que queredes pasar unha parte divertida e aprender un pouco de maquillaxe terrorífica de Samaín?

Se a resposta a todas estas preguntas é SI non podedes perder a xuntanza que preparamos para o día 27 na escola, a partir das catro e cuarto da tarde e que xa está anunciada nos taboleiros das aulas.

E se a resposta é NON, sempre podedes cambiar de idea ;)

Para que vaiades preparando todo aquí vos deixamos algunhas ideas. Lembrade que como cada un pode decorar as cabazas como prefira eses materiais e as cabazas tedes que traelos vós. Nós poñemos o kit para axudarvos a baleirar as cabazas, ademais das ideas, axuda, a conversa e algunha maniña se fai falta.

Lembrade que a actividade é gratuíta para soci@s e ten un custe de 3 euros para o resto da humanidade.












lunes, 13 de octubre de 2014

Tecemos, decoramos, preparamos, traballamos

E despois do éxito do primeiro obradoiro de calceta, xa está aquí o segundo. O vindeiro luns, día 20, vinde cargados e cargadas coas agullas de calceta, gañas de aprender, charlar e compartir porque a tarde promete.

Por suposto, podedes traer aos vosos e vosas peques, que xogarán, lerán contos e correrán por entre os novelos de lá como xa o fixeron na nosa primeira tarde de calceta.

E non vos despistedes porque estamos ultimando os detalles para o taller de decoración de cabazas e maquillaxe de Samaín.

Mentres tanto deixámosvos unhas ligazóns con algunhas ideas xeniais de actividades que podedes facer cos peques da casa para explorar e aprender:
Unha sorte de fariña-plastilina para manipular e xogar.
Quen dixo que os bebés non poden xogar e experimentar?
Actividades creativas
Actividades inspiradas no método Montessori para experimentar co outono.

Vémonos!

viernes, 3 de octubre de 2014

Beeeeeeee beeeeee

Así pasamos a tarde, entre ovellas, lá, conversas, aprendizaxes, algún conto e moitos puntos que se escapaban. Éste pode ser un brevísimo resumo da primeira sesión de obradoiro de calceta, tecedeiras, tecedeiros que celebramos esta tarde na nosa escola.

Como non se pode resumir o ben que o pasamos déixovos algunhas pingas en forma de imaxes e xa vos anunciamos que hai prevista unha nova sesión dentro de quince días na que os e as peques seguirán experimentando coa lá, correndo e xogando e as e os maiores (maioritariamente "as", animádevos homes!) seguiremos tentando facer un fermoso pucho de lá mentres botamos unhas risas.





lunes, 29 de septiembre de 2014

Tecedeiros e tecedeiras de futuro

Xa vos avisamos de que este ano teríamos novidades mesmo con respecto ás actividades anunciadas e a primeira prodúcese esta mesma semana, un taller para aprendermos a tecer con lá impartido por unha nai da escola.

Será este xoves, 2 de outubro, a partir das catro e cuarto da tarde. Animámosvos a que vos sumedes a esta proposta que nos pareceu moi interesante. Só precisades lá e unhas agullas de calceta, tal e como se indica no cartaz da actividade que xa estaredes vendo na escola e que vos adxuntamos tamén nesta nova.

Podedes traer por suposto aos vosos cativos e cativas para que xoguen cos novelos de lá, que pode ser unha actividade máis que estimulante para tod@s!!!



Por otra banda, a verdade é que se nota que todo o mundo se puxo as pilas e empezou o curso de verdade. As bebetecas e bibliotecas municipais acaban de iniciar o seu programa de actividades. Hoxe mesmo se podían solicitar a través do blog das bebetecas as entradas para o primeiro bebeencontro e xa teñen programadas tamén para outubro e novembro un lote de propostas interesantes a través de contacontos e concertos.

Podedes seguir as novidades na nosa axenda e na web das bibliotecas e no blog das bebetecas.

jueves, 25 de septiembre de 2014

Un pouco máis sobre a asemblea

Como xa vos comentaba hai uns días, a Asemblea deu para moito pero, a verdade é que tiñamos tantos temas dos que falar e nos gusta tanto expresar as nosas opinións, que nen sequera conseguimos repasar todas as actividades do curso. Non vos preocupedes, queda tempo abondo para volvernos a reunir!!!!

Aprobamos as do primeiro trimestre, que xa son abondo. Nesta lista, ademais dalgunha sorpresa que vos anunciaremos en breve, está o taller de maquillaxe e decoración de cabazas, a finais de outubro. Xa en novembro, haberá un magosto en familia e se celebrará a experiencia piloto da primeira actividade organizada e financiada polo anpa para todos os nenos e nenas da escola en horario lectivo. Será o contacontos "Entre caixas" de Chus Álvarez.

Xa a finais de novembro teremos o taller de elaboración de adornos de Nadal e en decembro o de elaboración de bonecos con calcetíns (non sei se vistes algúns, pero son unha fermosura, os da imaxe son profesionais, pero seguro que podemos facelos!).



Iniciaremos o ano con moi bo pé e mellor corpo cun taller de masaxes para peques e tamén para maiores, que tamén temos dereito!! e continuaremos cun taller de elaboración de disfraces caseiros.

 Así que, xa sabedes, ide preparando os materiais que xa vos iremos detallando e animádevos que temos moito que compartir!!

lunes, 22 de septiembre de 2014

Falamos, analizamos, aportamos, decidimos

Como o prometido é débeda, aquí estamos de novo para irvos contando algunhas das cousas das que falamos na Asemblea Anual da pasada semana.

Compartimos impresións sobre a nosa escola, as nosas experiencias e as distintas formas que se nos ocorrían de mellorala. Renovamos a Xunta directiva confirmando aos membros actuais nos seus cargos, xa que non houbo novas candidaturas. Así que podedes seguir dirixíndovos a Sabín como presidente e a Lucía como tesoureira.

Ademais disto, aprobamos tamén as tarifas para aquelas persoas que queiran participar nas actividades que temos programadas e que non sexan membros do anpa. Decidimos que será de 3 euros para aquelas actividades que diriximos os membros da asociación e de 5 para as charlas e talleres impartidas por profesionais contratados por nós, ademais dun plus de 2 euros en caso de acudir con nen@s.

Aprobamos as actividades do primeiro trimestre cunha serie de aportacións e sorpresas que non vos imos desvelar aínda, xa que entre as novas fichaxes da anpa neste ano hai xente con moitas habilidades interesantes que queren compartilas con todos e todas nós.

Permanecede atent@s ao calendario no que xa imos subindo actividades, talleres e propostas de ocio como a de Langstrump para o primeiro sábado de outubro e aos avisos sobre a xornada de convivencia do sábado. Tod@s cruzando os dedos para que a previsión metereolóxica sexa boa!!

jueves, 18 de septiembre de 2014

Adiada ate o día 27 a xornada de convivencia na piscina

A calquera pai ou nai encantaríalle poder ter todo baixo control, pero no día a día hai mil cousas que se nos escapan das mans porque non somos omnipotentes e as condicións metereolóxicas son unha de esas cousas sí ou sí. O caso é que tivemos que adiar até o sábado, 27 de setembro a xornada de convivencia organizada polo apna no complexo deportio de Aceadama por previsión de choivas nesta fin de semana.

Na asemblea anual celebrada onte (na que tratamos moitos outros temas dos que vos falaremos en breve) decidimos que era mellor non nadar contra corrente e agardar uns días a ver se o ceo non cae sobre as nosas cabezas. Por suposto, se non se pode facer agora porque xa sabemos que vivimos na Coruña e os días de sol sen choiva non son o máis habitual despois do verán -e ás veces tampouco no verán- deixaremos o encontro para final de curso.

Permanecede atent@s a MeteoGalicia e aos nosos avisos na escola!

lunes, 15 de septiembre de 2014

Asemblea anual do apna

Como xa debedes de saber a esta altura o mércores, 17 de setembro ás cinco da tarde celebramos a nosa asemblea anual á que, por suposto, podedes traer aos vosos peques que serán atendid@s por unha educadora do centro.

Na orde do día está o debate sobre as actividades propostas para este ano, así como os informes de actividades e tesourería do ano pasado e a renovación de cargos que se fai cada dous anos.

Dende a xunta directiva queremos comunicarvos que, deste xeito, dende o momento en que comece a asemblea pasamos a un segundo plano e comezará a andaina da nova xunta electa na reunión (haxa ou non persoas que repitan no cargo, por suposto).

Neste sentido, queremos dicirvos a todos e todas vós, especialmente a aqueles que acabades de chegar á escola que a apna é unha obra colectiva, feita coas aportacións de todos e todas. A mensaxe que queremos trasladar é clara: se queredes traballar dende dentro e presentarvos á xunta directiva queremos que o fagades con total liberdad e, de feito, animámosvos a que así sexa.

Só cun apna construída entre tod@s con liberdade e participación activa de tod@s podemos facer un bo traballo. Estamos convencid@s diso e a experiencia así nolo demostra.

Agardámosvos o mércores pola tarde na escola. Ah! e non esquezades preparar as mochilas para a excursión do sábado ás piscinas de Acea de Ama!

viernes, 12 de septiembre de 2014

Bebescena no Ágora

O centro Ágora regalounos o ano pasado a posibilidade de desfrutar do teatro cos máis peques da casa coa primeira edición de Bebescena. A verdade é que, por sorte, cada vez hai máis ocasións de desfrutar deste tipo de espectáculos, pero cómpre dicir que na pasada edición vimos algunhas obras realmente recomendábeis, por non falar do broche de ouro do festival que foi o Concerto de música para bebés de Paulo Lameiro, unha auténtica delicia para maiores e cativos.

Neste ano prolongan o festival (con paróns de varias semanas) até o mes de febreiro de 2015, así que non digades que non ides poder asistir a ningún dos espectáculos porque ides ter moito tempo para programalo.

A apertura promete e moito. Trátase de "Gatuxo", unha obra que aúna o xenio do grande músico Magín Blanco (A nena e o grilo, A nena e o grilo nun barquiño, ademais de colaboracións múltiples no proxecto María Fumaça, etc) e da actriz, contadora e muller espectáculo Raquel Queizás. Será o domingo 21 de setembro con dous pases pola mañá.

Tedes toda a información sobre Bebescena aquí.

miércoles, 10 de septiembre de 2014

Semana de portas abertas no DadáKindercafé

Como estamos tan inmersos no inicio do curso, ás veces temos pequenos despistes e tardamos en ofrecervos algunha información interesante coma esta per, xa sabedes que máis vale tarde ca nunca!!!

No Dadá Kindercafé está semana teñen as súas portas ben abertas para darvos a coñecer as súas actividades de cara a este outono e inverno. Hai algunhas propostas para os máis peques como a que se celebra hoxe "Arts & Crafts", tamén hai outras dúas propostas para bebés que son o English Play Groups e Dadá Baby School.

Tedes toda a información na súa páxina web.

Recalculando ruta

Nestes primeiros días de curso podedes vernos as cariñas na entrada da escola infantil.. Alí estamos esta semana para que nos preguntedes o que queirades e para recoller os vosos datos de inscrición. O que tamén vos estamos comentando son as actividades deste mes.

O 17 será a nosa Asemblea, que se celebrará na escola ás cinco da tarde e esa mesma fin de semana teremos unha xornada de convivencia para coñecérmonos un pouco mellor e comezar ben o curso.

Como vedes, no apna estamos recalculando a ruta e xa nos botamos a andar. Aquí vos deixo como imaxes o boletín de inscrición e o folleto que elaboramos cun resumo das actividades que pensamos facer neste curso. Pensamos que é moi completo, pero xa sabedes que estamos abert@s a suxestións e a asemblea será unha boa ocasión para facelas!!!





jueves, 4 de septiembre de 2014

Contos, música e monicreques

Como xa vos anunciabamos, este curso traemos unha morea de actividades e moitas novidades para ofrecervos. A primeira será unha actuación en horario lectivo, unha proposta para todos os nenos e nenas da escola, organizada polo anpa.

Como queremos deixar tempo para que os peques e as peques se adapten e en colaboración coa dirección do centro, por suposto, decidimos deixala para o mes de novembro, pero a espera pagará a pena. A contadora e actriz Chus Álvarez, chegará coas súas caixas cheiñas de contos, maxia e historias para os alumnos e alumnas de Arela co seu espectáculo "Entre caixas".



Pero como di o refrán, ben está o que ben acaba, e por iso tamén imos organizar dende o anpa outra actividade-espectáculo en horario lectivo, de novo para todos os nenos e nenas da escola, xusto a final de curso. Desa volta será da man da asociación musical Musicreques, co seu espectáculo "O Quebranoces", adaptado para bebés, do que podedes ver unha mostra na web da asociación.

En breve tamén voltaremos a encher a axenda cultural do blog (ubicada nese calendario que vedes na esquina superior dereita) con propostas de todo tipo na cidade da Coruña, pero sempre pensadas para poder acudir a elas con nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Isto é só un aperitivo de todo o que queremos facer neste curso así que, xa sabedes, aqui estamos para o que queirades.

Xa estamos aquiiiii!!!




En Arela comezamos o curso con enerxía despois do repouso vacacional. Nesta semana a meirande parte d@s nos@s peques iniciaron o seu período de adaptación e para moitos chegou o momento dos reencontros, para outros o das sorpresas, as dúbidas ou as dificultades tamén, que de certo se solventarán pouco a pouco, con paciencia e coa colaboración de pais, nais e educadores.

Nós, pola nosa banda, estamos facéndovos pequenas visitas nas reunións de aula (hoxe estivemos nas aulas 6,7 e 8) para que saibades quen somos e estaremos ao longo da semana vindeira nun recuncho na entrada da gardería para que vos informedes e inscribades.

No taboleiro do Anpa, na entrada da escola, xa está colgado o folleto coa información de todo o que vos temos preparado para este curso que en breve (cando ultimemos un par de detalles), subiremos ao blog.

Agardámosvos cos brazos ben abertos e cun lote de propostas interesantísimas para este curso. A primeira será a Asemblea anual neste mesmo mes de setembro e unha xornada de convivencia na piscina tamén a finais de mes.

lunes, 30 de junio de 2014

Rematando o curso

Para moitas e moitos éstes son días tristes, días de benvida ás vacacións (outr@s tardarán aínda un mes en descansar), pero tamén días de adeus, adeus á nosa escola. Os e as peques do curso dos maiores deixan Arela.

Unha nai dunha desas peques quixo deixar constancia en internet desta despedida e xa de paso agradecer o traballo das educadoras e educadores do centro.

Para aqueles que aínda seguides no cole o curso que vén, que saibades que xa estamos preparando as actividades, para os que marchades, un bico forte e que vaia ben bonito :)

lunes, 23 de junio de 2014

Grazas, Nuria

Despedimos o curso e o facemos da mellor das maneiras posíbeis, rematando o taller de conflitos con Nuria Otero, psicóloga, psicopedagoga, doula, persoa ante todo. O único que podemos facer Nuria é darche as grazas por darnos a oportunidade de compartir contigo estas horas, reflexionarmos, aprender, tentar ver todo desde unha nova perspectiva, crear redes humanas (que son as mellores, as únicas que valen á hora da verdade), escoitarnos, falar, desafogar tamén...

Foi un auténtico placer, non podemos dicir nada máis ca iso. Bueno, si, non sabedes o que vos perdestes os e as que non puidestes vir!

Como diciamos, o curso remata e iso se nota. O blog está un pouco menos activo, por dicilo de algunha forma, pero non vos despistedes, porque agora mesmo estamos xa preparando actividades para o curso 2014-2015. Queremos que contedes con nós e que moitas máis familias se animen a apuntarse á nosa asociación.

De momento dicímosvos "deica logo" cun par de páxinas webs nas que podedes atopar ideas de actividades para realizar sobre todo no verán, actividades con auga, que apetecen máis nestas datas.

Sapos y princesas

Actividades en familia




martes, 10 de junio de 2014

Menos conflitos e máis charla

Achégase xa a segunda cita co taller de resolución de conflitos organizado polo anpa. O curso está a piques de rematar pero, de seguro que moitos e moitas de vós tedes mil dúbidas que resolver tamén durante as vacacións. Como enfrontarvos a determinadas situacións sempre é difícil cos peques (ás veces, no verán, aínda máis). Para iso estamos nós e o taller de conflitos que comezou a semana pasada.

Estivemos dúas horas falando de cousas moi interesantes, como cales son as necesidades básicas dos nosos peques e como nos enfrontamos a elas. Houbo tempo para que cadaquen expuxera o que agarda do taller e amosara as súas opinións e dúbidas sobre diferentes cuestións e, por suposto, sempre hai un tempo para compartir experiencias porque, como ben dicía Nuria, trátase en boa parte, de crear redes humanas, para apoiármonos e axudármonos os uns aos outros coas nosas experiencias, ideas e perspectivas diferentes dos problemas e conflitos cos que nos atopamos a diario cos nosos peques.

Se non puidestes vir á primeira cita, sempre podedes apuntarvos ás dúas que quedan, este xoves, 12 de xuño, e o seguinte, 19 de xuño. Animádevos!

lunes, 26 de mayo de 2014

Taller de resolución de conflitos

Non pensariades que xa estabamos de vacacións, non? Este mes tivemos o blog un pouco abandoado e temos que desculparnos. Tod@s somos nais e pais e sabemos o que é pasar épocas complicadas de mocos, rabietas, etc...

E xustamente por iso organizamos a seguinte actividade deste curso: un taller de resolución de conflitos que se desenvolverá en tres tardes ao longo do mes de xuño. Ide tomando nota nas vosas axendas: o 5, 12 e 19 de xuño ás cinco da tarde tedes unha cita con Nuria Otero, pedagoga, psicopedagoga, orientadora familiar e doula.

Xa contamos con ela no curso pasado nunha charla que tivo unha acollida fantástica, por iso decidimos organizar neste curso este taller no que todos e todas poidamos plantexar as nosas dúbidas e casos prácticos que queiramos resolver ou cando menos contrastar con ela e con outros pais e nais.

Coma sempre, a actividade será gratuíta para socios e socias e terá un custe de 15 euros para os non socios (tede en conta que son tres tardes). Por suposto, tamén haberá un educador ou educadorada escola que atenda aos nosos peques para que poidamos estar ben atent@s esas horas ao que charlemos e discutamos con Nuria.

viernes, 2 de mayo de 2014

A que sabe a lúa?

Unha boa pregunta á que un grupo de animais deciden buscar unha resposta urxente e, xa de paso, ensinarnos o que significa o traballo en equipo e a perseverancia ou a imaxinación e o seu poder, entre outras cousas. Ésta é moi pero que moi resumida, a historia que se conta neste libro "A que sabe a lúa" e que os pais de Vera, da aula 5, decidiron recrear nun fermosísimo panel no que non falta detalle.

A posta en escea que estes pais prepararon para este bonito conto é unha nova mostra do que se pode facer con imaxinación, gañas e un pouquiño de tempo. Unha forma máis de estimular aos nos@s peques e de achegalos ademais neste caso ao mundo da lectura.



Fixádevos que non falta detalle, e os animais e a lúa están unidos con velcro ao panel para poder ir desenvolvendo a historia pouco a pouco. Xa sabedes, animádevos a facer cousiñas para @s peques, xa veredes como o agradecen e o ben que o pasades vós tamén.

martes, 22 de abril de 2014

Apoio á creación dunha segunda liña no colexio Andaina

Esperamos que puidérades cargar as pilas nas vacacións de Semana Santa porque aquí estamos de novo!

Como sempre dixemos, este blog quere ser un punto de encontro e información para todos e todas. Por iso, nesta semana na que tant@s estamos pendentes das listas do cole para o ano vindeiro, queremos facilitarvos a ligazón para asinar o apoio á segunda liña do colexio Andaina. Como moitos e moitas saberedes, trátase dun centro educativo ubicado en Culleredo que na actualidade conta cunha soa liña nos seus diferentes cursos. Pois ben, dende o centro veñen reclamando dende hai tempo a apertura dunha segunda liña pola demanda existentes e neste ano un grupo de pais e nais decidiu apoiar a iniciativa cunha campaña que vén de iniciarse cunha recollida de sinaturas.

Se estades interesad@s podedes apoialos coa vosa sinatura e, se queredes máis información tamén vos podemos pór en contacto con eles. Xa teñen solicitadas algunhas reunións con responsábeis da Consellaría de Educación, ademais de algunha acción nos medios de comunicación.

viernes, 18 de abril de 2014

Ideas para a Semana Santa

Facemos un breve intermedio nas nosas vacacións de Semana Santa tan só para amosarvos unha posibilidade de entre os millóns que existen de facer cousas con e para @s nos@s peques. Os pais de Alis, da aula 5, prepararon este fermosísimo taboleiro co que lles explicar aos amigos e amigas da súa filla como se poden facer unhas riquísimas madalenas.

A receita destes biscoitos é doada e, como vedes, o xeito gráfico, práctico e super orixinal de lla expor aos compis de Alis, aínda que leva o seu traballo, tampouco é nada imposíbel de facer. Tan só hai que botarlle gañas e imaxinación: cartón pluma, papel, velcro, cinta adhesiva, un ordenador e...



Entusiásmanos poder inaugurar a sección de posts con cousas que fan os pais e nais da escola e xa temos algunha cousiña máis preparada!

Por certo, encántanos o detalle do forno con tirador de cinta para abrir e pechar e do que se sacan as madalenas.

martes, 8 de abril de 2014

Novas propostas de horarios

Aquí estamos de novo, coas pilas ben cargadas despois da fin de semana e da interesantísima charla de Marisa Pendas que a tod@s nos soubo a pouco. Con ela falamos dese vínculo invisíbel e indestrutíbel que nos une aos nosos peques e que temos que alimentar e coidar con moito mimo para axudalos a medrar.

E a verdade é que tod@s nos quedamos con ganas de seguir falando varias horas máis porque o tema dá para moito. Falamos de como, en realidade, todo o que sucede dende que @s nos@s fill@s veñen ao mundo até que se independizan é un proceso marabillosamente ben diseñado e para o que veñen moi, pero que moi ben equipad@s "de serie".

Por suposto, a parte máis interesante xurdiu cando boa parte dos e das asistentes abrimos un pequenísimo debate no que compartimos os nosos pareceres sobre distintos temas que teñen que ver coa evolución dos peques e coa súa escolarización, entre outros asuntos.

Ademais de comentarvos brevemente o content@s que saimos da nosa primeira actividade, tamén queríamos comunicarvos que nos últimos meses varios pais e nais nos teñen comentado o seu interese por que a escola puidese recuperar o seu antigo horario (o do curso 2012-2013) e pechar ás cinco, en lugar de ás catro, como sucede agora.

Algúns saberedes e outr@s non que o ano pasado fíxose unha consulta sobre cantos pais e nais estaban interesad@s en manter ese horario e ao non alcanzarse a cifra do 10% do total, tal e como se estipula no regulamento das escolas infantís municipais, decidiuse eliminar esa hora.

Como comentabamos, neste curso, varios pais e nais nos teñen manifestado o seu interese por recuperar o antigo horario debido ás dificultades que teñen para conciliar a súa vida laboral coa familiar. Como é o noso labor, recollemos as súas peticións e llas trasladamos á dirección do centro que nos ten comunicado que non habería ningún problema en recuperar o antigo horario de 8.00 a 17.00 horas, sempre que exista unha demanda suficiente.

Por iso queríamos trasladarvos esta posibilidade, por se estades vós tamén interesad@s en que se volva ofertar esta hora de 16.00 a 17.00, por parte da escola. Se é así, facédenolo saber, recolleremos todas as peticións se non podedes pasar vós pola dirección a comunicalo e farémosllas chegar.

miércoles, 2 de abril de 2014

Espertando o noso corpo coas artes

A fin de semana que se aveciña ofrece múltiples posibilidades de aprender e desfrutar cos nosos peques. Como xa podedes comprobar cada semana engadimos novas citas na axenda de ocio, propostas que consideramos interesantes tanto en teatros, como en auditorios, bibliotecas, centros comerciais, como ao aire libre, se pode ser. Como algún de vós nos ten preguntado como filtramos as propostas que escollemos, a resposta é moi sinxela: tentamos seleccionar as que nos parecen máis acaídas para peques de 0 a tres anos e pico...

O certo é que a axenda cultural infantil ten mellorado moito na nosa cidade nos últimos anos. Unha das propostas máis interesantes vén cada no da man da Fundación Barrié e o seu programa "Espertamos ás Artes". Obras de teatro e obradoiros pensados para que @s máis pequen@s da casa aprendan e desfruten a través do mundo do arte e as posibilidades que nos ofrece.



Este ano, lamentábelmente, comprobamos que a oferta é un pouco máis reducida que en outras ocasións (supoñemos que a crise non perdoa a ninguén), pero tamén nos trae múltiples posibilidades de diversión nesta fin de semana do 5 e 6 de abril.

Os espectáculos "De todo corazón" e "Corpore oh" en sesións ás 11.00, 12.30 e 18.00 horas. As invitacións recóllense unha hora antes da función e para aqueles que non o saibades, tedes que levar aos peques con vós para recollelas. A demanda soe ser bastante alta e de algunha forma teñen que filtrala.

Ademais destas funcións familiares, hai tamén funcións para coles e uns obradoiros para profesores de educación infantil. Esperamos que desfrutedes!

Ah, e non esquezades que o venres, 4, ás 17.30 temos unha cita con Marisa Pendas para aprender un pouco máis sobre como podemos axudar aos nos@s fill@s a medrar aproveitando todas as posibilidades de cada etapa e solventando o mellor posíbel as dificultades que nos imos atopando.

viernes, 28 de marzo de 2014

Somos noticia

Como moit@s xa saberedes, no anpa tamén somos noticia. Neste caso, queremos darvos a información de primeira man, para que a teñades todos e todas vós. A suxestión dunha nai, decidimos alegar o regulamento das Escolas Infantís Municipais, que estaba en período de exposición porque consideramos que un dos seus artigos resultaba discriminatorio para os nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

 Non sería lóxico que se masificasen pero, aínda menos, que poidan quedar exlcuíd@s cando teñen dereito a ter unha praza.

Incluímos a alegación para que poidades vela e ligamos as noticias que saíron publicadas en prensa sobre o tema. De momento, aínda non sabemos con seguridade como rematará esta pequena historia, pero aquí estamos para escribir o final e tentar cambialo se non é feliz.

Queremos mellorar as escolas infantís e aportar o noso grao de area. Por iso seguimos animándovos a que nos comentedes aquelo que vos preocupe ou interese para que poidamos facer algo entre tod@s.

 
-Estando en período de exposición pública, logo da aprobación inicial, o Regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís integradas na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) do Concello da Coruña (BOP nº 31 de 14 de febreiro de 2014) desexa presentar a seguinte alegación:

  1. No artigo 24 Requisitos de acceso o apartado 3.4. recolle “só se admitirá un menor con necesidades específicas de apoio educativo  por unidade”. Esta limitación, recollida nun documento público coma este é de facto unha absoluta discriminación e restricción moi lonxana á igualdade de dereitos que debe garantir unha administración como o concello da Coruña. Sendo conscientes de que a escolarización nos centros do primeiro ciclo de primaria non é obrigatoria, consideramos que se senta un moi negativo precedente de cara aos seguintes anos impoñendo unha limitación deste tipo. Por que só un ou unha menor con NEAE por unidade? Que tipo de mensaxe se está enviando con esta limitación?

Non se trata de "masificar" aos pequenos con necesidade de apoios educativos. Somos conscientes tamén de que os recursos son limitados e as necesidades ilimitadas e sabendo que a propia ordenanza sinala que se atenderá se, en función das necesidades dese alumnado se poden cubrir máis prazas, mais insistimos en que éste non pode nin debe ser en ningún caso o punto de partida. Non podemos falar de integración nin de igualdade se partimos da limitación e da discriminación.


Unha institución pública como o concello da Coruña debería ser a primeira en defender a igualdade de oportunidades para os pequenos e pequenas con NEAE. E isto debe demostrarse en situacións e ordenanzas como esta.


Na A Coruña, 20 marzo 2014.



viernes, 21 de marzo de 2014

Benvida primaveira...

Éste é un post curtiño, sen moitas aspiracións. Nada máis e nada menos que darlle a benvida á primaveira, coa súa luz, a súa humidade, as súas cores, os días fanse longos, as noites curtas e tod@s estamos un pouquiño máis alterad@s e nervios@s.

Chegan as tardes de parque que non rematan e están aí aí os días de praia (ou cando menos imos pensar que será así porque máis de un e unha xa desfrutou da praia neste mes de marzo), así que non sen motivo hoxe é o Día Mundial da Felicidade.

E con esa felicidade dámoslle tamén a benvida ao blog de Langstrump e ás súas boas ideas e aportacións. Que non sabedes que é Langstrump? Pois é moitas cousas, que eles mesmos vos contan na súa web. É a casa que soñaron os pais dunha alumna da nosa escola e con moita valentía decidiron construíla e enchela tamén cos soños de outras persoas.

Animámosvos a que a coñezades e lles mandamos un bico forte por esas ideas que nos aportan sobre como podemos convertir o momento de deitar aos nen@s nun momentazo máxico cheo de historias marabillosas ou como podemos aproveitar as noites curtas e luminosas que seguen aos días primaverais.


viernes, 14 de marzo de 2014

Primeira actividade do curso

IMPORTANTE: CAMBIO DO DATA DA ACTIVADE
A actividade prevista non poderá desenvolverse o venres 21 por un problema de saude da relatora. A nova data será o 4 de abril. Perdón polas molestias.
 
Acompañamos aos nosos fillos e fillas. A iso nos dedicamos todos os días das nosas vidas agora, a acompañar aos nos@s peques na súa evolución, no seu desenvolvemento pero, sabemos como facelo? Seguramente todos e todas nós temos dúbidas e moitas: Estarei facendo o correcto? Axudo así ao meu peque? A miña filla precisa algo máis para mellorar o seu desenvolvemento?

Como sabemos que estas preguntas están nas cabezas de moit@s de nós convidamos a Marisa Pendas, psicóloga e terapeuta no servizo de Atención Temperá do hospital Teresa Herrera a vir falar con todos e todas nós sobre estes temas. Esta será a nosa primeira actividade do curso á que, como vén sendo habitual en outros cursos, poderedes traer ás nenas e nenos porque haberá profesores da escola contratados pola apna para xogar con eles e coidal@s.

Será o venres, 4 de abril, ás cinco e media da tarde e tal e como se decidiu na asemblea anual da apna, será gratuíta só para as socias e socios, ainda que, por suposto, está aberta tamén a nais, pais e educadores de outros centros.

Agardámosvos e non esquezades e xa estamos preparando as seguintes actividades!

martes, 11 de marzo de 2014

Sopraron e sopraron e a casiña derrubaron entre tod@s

E por fin saiu o sol e con el saímos dos nosos caparazóns e nos puxemos a correr e correr polos parques, xardíns, praias, avenidas, paseos ou calquera zona a que @s nos@s peques decidisen convertir na súa nova pista de exploración.

Chegou o momento de explorar novas posibilidades e de facer novas propostas se queremos que @s nos@s fill@s se centren en algo.

Hoxe temos unha proposta pensada para os das clases 4, 5, 6, 7 e 8 porque os bebés aínda teñen que desenvolver un pouco máis os seus pulmóns e as súas habilidades para poder sacarlles rendemento.

Por que non propoñerlles ao voltar a casa despois de corretear un circuito de sopro? Como seguro que será difícil  que se concentren en algo que precise moita atención achegámonos propostas para que desenvolvan as súas habilidades de sopro, fundamentais na súa fala.

(Imaxe da caixa de sopro de DestinoOz)

Achegámosvos, por exemplo, as propostas de circuito de sopro do blog El sonido de la hierba al crecer e do blog do que vos falamos aínda hai ben pouco DestinoOz, por exemplo, entre moitas outras.

Probade algunha delas e de certo que se vos ocorreran ideas novas.

miércoles, 5 de marzo de 2014

Compartimos experiencias para aprendermos

Aquí estamos de novo para facer o que mellor sabemos, falar d@s nos@s peques e compartirmos ideas e experiencias para que entre tod@s poidamos ir mellorando e enriquecendo as nosas e as súas vidas.

Nas entradas anteriores compartimos ideas e propostas que nos achegan desde distintos blogs e páxinas web pero, por suposto, pode que entre os pais e nais de Arela haxa tamén máis de un e unha "blogger" con cousiñas que aportar. Animámosvos a que compartades con nós os vosos blogs ou as vosas propostas.


A primeira mostra que mencionamos (porque é a primeira que coñecemos, para que nos imos enganar) é a da nai de dous peques que van á nosa escola infantil e que ten un blog no que fala do traballo que fan coa súa filla maior, ao tempo que aporta ideas para a estimulación d@s nos@s fillos, propostas de distintos tipos de xogos que podemos facer e, por suposto, distintas reflexións persoais.

O seu blog chámase Destino Oz e recollemos aquí varias entradas agrupadas baixo as etiquetas de motricidade e estimulación que vos poden resultar interesantes pero, por suposto, podedes bucear un pouquiño no seu blog e atopar moitas máis.


viernes, 28 de febrero de 2014

Lendo e lendo imos crecendo

Supoño que veredes habitualmente na nosa pequena axenda (situada na parte superior dereita do blog) algunha das citas marcadas todas as semanas coas bebetecas e bibliotecas municipais. Isto é así sinxelamente porque temos a sorte de contar cun servizo de animación á lectura para @s nos@s peques moi moi activo.

Nesta breve entrada pre-festas do Entroido queremos lembrarvos as múltiples oportunidades que se nos ofrecen todas as semanas desde as bebetecas (para peques de 0 a 24 meses) e nas bibliotecas para @s que xa cumpriron os dous aniños.

Que non sabedes onde tedes bebetecas? Aquí estamos nós para axudarvos, por suposto: nos Rosales, no Fórum Metropolitano, no Ágora e na Biblioteca Infantil e Xuvenil. As citas dos bebeencontros podedes atopalas no seu blog, o mesmo lugar no que podedes tamén apuntarvos para cada sesión o luns anterior a que se celebre.



Neste punto temos que facer unha pequena parada para animarvos a visitar habitualmente tamén o blog das bebetecas porque, ademais de poder apuntar @s vos@s peques aos bebeencontros, poderedes atopar moitas recomendacións sobre como estimular aos nosos bebés e introducilos no marabilloso mundo da lectura.

E se @s vos@s nen@s xa teñen máis de 24 meses, daquela, as súas citas son cos Contos enCantos da biblioteca do Castrillón e cos Nosos contos, no Fórum Metropolitano.

Ah!, case nos despistamos, para os que xa cumpriron os tres anos tamén están todas as citas das Merendas con contos na biblioteca do voso barrio. Poderedes atopar información na web das bibliotecas municipais.

Así que, xa sabedes, nestas pequenas vacacións, aínda que non vaian á alfombra a ler un conto, non tedes porque esquecervos dos libros.

viernes, 21 de febrero de 2014

E xa está aqui o Entroido

Si, sabémolo, chegamos un pouco tarde para o disfraz que @s vos@s peques levaron xa hoxe ao cole, pero o Entroido aínda é a semana que vén!!! Asi que pensamos que, que mellor aportación podemos facer que buscar ideas para disfrazar aos nen@s?

Sabemos que algúns sodes moi maños@s e outr@s un pouco menos, polo que estivemos buscando distintas ideas de disfraces que podedes realizar vós con maior ou menor dificultade, depende de quen se atreva con cada un. Coma case sempre, por suposto, a nosa "Enciclopedia" particular é a Rede de Redes.

Aqui vos deixamos unhas ligazóns nas que atoparedes disfraces caseiros coas que irán moi requeteguapos.

BebésyMas. Con fotos e ideas moi chulas.

CharHadas. Nesta web veredes que hai tanto disfraces que podedes facer vós mesmos, coma outros que se poden mercar. Decidimos incluíla porque ten ideas moi chulas e moi a pesar da súa decisión de clasificar os disfraces como de "nenos" e "nenas", non estamos nada pero nada dacordo con esa idea. Acaso unha nena non pode ir disfrazada do mesmo ca un neno?? Un pequeno tirón de orellas!

Na web de Serpadres dan tamén algúns consellos útiles sobre a elección do disfraz.

Agora vén o noso favorito. Ideas orixinais, con plantillas que te podes descargar nalgúns casos. Bravo por Decoideas.

Finalmente, nesta web atoparedes, sobre todo, material e ideas para caretas.

Xa non tedes excusa, animádevos!!

sábado, 15 de febrero de 2014

Ideas para as tardes de choiva

Moi boas de novo
Como xa anunciabamos na nosa presentación, non estamos aqui só para vos informar das nosas actividades e recoller as vosas suxestións. No calendario de eventos que podedes ver á dereita iredes atopando diferentes propostas culturais que poderedes desfrutar en familia.

Pero, tamén somos conscientes de que a meteoroloxía ultimamente non anima moito a saírmos da casa así que... que mellor que algunhas propostas de xogos e actividades que podedes levar adiante cos peques na casa? Quen dixo que unha tarde de cicloxénese explosiva ten que ser aburrida?

Andamos navegando pola rede para vos ofrecer as mellores propostas que recollemos de educador@s, pais e nais coma nós e vós. Ah! pero non nos abandonedes despois polos novos descubrimentos que vos fagamos eh!

Un blog que nos gusta moito é paramipequeconamor. Trátase da bitácora dunha nai bastante curranta que fixo absolutamente de todo para traballar diferentes áreas de estimulación e desenvolvemento do seu fillo. Iso, ademais de cociñar, coser, reciclar, etc, vamos, unha xoia de muller.

Poderedes atopar as actividades clasificadas por idades. Algúns exemplos de propostas que nos gustaron son os xogos de motricidade e discriminación de cores con pinzas e pompóns, pintar e imprimir co papel de burbullas, como facer arte cun escurridor,  ou as mil posibilidades que nos ofrece o xogo heurístico, ou o que vén sendo o mesmo: deixar aos nosos fillos e fillas experimentar con distintos tipos de obxectos de tamaños, formas e texturas distintas.

Animámosvos a explorar as distintas posibilidades que tedes escondidas en calqueira rincón da vosa casa para xogar cos peques. Que atopades unha caixa depalillos e un tamiz? Un xogo de ensartar. Unha morea de telas vellas? Experimentade co tacto e xogade a imaxinar que sodes outras persoas nun ensaio do entroido cun disfraz improvisado.

Animádevos tamén a contarnos as vosas experiencias!!!

martes, 11 de febrero de 2014

E seguimos traballando neste curso. Fala con nós!



Como moit@s xa saberedes, vén de se celebrar a Asemblea Anual da Asociación de Pais e Nais de Arela. Estivemos ben a gustiño falando da actividade da asociación e de diversas cuestións de loxística que nunca se poden esquecer.

En primeiro lugar, presentamos este blog e fixemos especial fincapé no que supón como canle de comunicación con todos e todas vós para o día a día. Estamos agardando polas vosas suxestións, protestas, loubanzas, ideas, aportacións en todo aquelo que poida axudar aos nos@s peques e ao bo funcionamento da escola.

Por exemplo, na Asemblea falamos de diferentes propostas de charlas e talleres que poderíamos facer este curso: acompañamento no desenvolvemento, novas tecnoloxías 0-3 anos, talleres sobre resolución de conflitos... Agora queremos que nos digades se vos apetece algunha destas propostas ou se tedes vós algunha que facer.

Por outra banda, acordouse manter a cota anual de 30 euros que neste ano deberán ingresarse na nova conta bancaria que estamos agora mesmo a xestionar (polos problemas que existían coa que tiñamos até este momento), para podermos organizar varias actividades no que queda de curso. Por certo que este ano tamén queremos contar con vós para termos unha xornada de convivencia a final de curso.

Unha das propostas que xurdiu foi a de que houbese algún pai ou nai da Asociación como referente en cada aula para que ninguén se despiste e que teñades alguén a quen preguntarlle algunha dúbida sobre as actividades da APNA. Se estades interesad@s, xa sabedes, correo a apnaarela@gmail.com e solucionado.