Moi boas de novo
Como xa anunciabamos na nosa presentación, non estamos aqui só para vos informar das nosas actividades e recoller as vosas suxestións. No calendario de eventos que podedes ver á dereita iredes atopando diferentes propostas culturais que poderedes desfrutar en familia.
Pero, tamén somos conscientes de que a meteoroloxía ultimamente non anima moito a saírmos da casa así que... que mellor que algunhas propostas de xogos e actividades que podedes levar adiante cos peques na casa? Quen dixo que unha tarde de cicloxénese explosiva ten que ser aburrida?
Andamos navegando pola rede para vos ofrecer as mellores propostas que recollemos de educador@s, pais e nais coma nós e vós. Ah! pero non nos abandonedes despois polos novos descubrimentos que vos fagamos eh!
Un blog que nos gusta moito é paramipequeconamor. Trátase da bitácora dunha nai bastante curranta que fixo absolutamente de todo para traballar diferentes áreas de estimulación e desenvolvemento do seu fillo. Iso, ademais de cociñar, coser, reciclar, etc, vamos, unha xoia de muller.
Poderedes atopar as actividades clasificadas por idades. Algúns exemplos de propostas que nos gustaron son os xogos de motricidade e discriminación de cores con pinzas e pompóns, pintar e imprimir co papel de burbullas, como facer arte cun escurridor, ou as mil posibilidades que nos ofrece o xogo heurístico, ou o que vén sendo o mesmo: deixar aos nosos fillos e fillas experimentar con distintos tipos de obxectos de tamaños, formas e texturas distintas.
Animámosvos a explorar as distintas posibilidades que tedes escondidas en calqueira rincón da vosa casa para xogar cos peques. Que atopades unha caixa depalillos e un tamiz? Un xogo de ensartar. Unha morea de telas vellas? Experimentade co tacto e xogade a imaxinar que sodes outras persoas nun ensaio do entroido cun disfraz improvisado.
Animádevos tamén a contarnos as vosas experiencias!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario